Friday 17 de May de 2024

Paisosaco acollerá unha nova edición da Feira de Horticultura o domingo 6 de agosto


Durante a xornada de feira estarán abertos ao público os catorce postos, haberá un show cooking e sortearanse agasallos entre os asistentes.

O domingo da semana que vén, día 6 de agosto, Paiosaco acollerá a sexta edición da Feira de Horticultura, evento consolidado xa na programación estival do Concello da Laracha que se marca como propósito poñer en valor os produtos de horta da zona e o labor dos profesionais do sector.

O evento foi presentado hoxe no Concello polo alcalde, José Manuel López Varela, xunto á concelleira de Promoción Económica, Rocío López, e membros das asociacións que colaboran na organización: A Terriña e Horta do Noroeste. Tamén asistiron representantes de empresas e entidades que estarán presentes na Feira de Horticultura, como o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte, o Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa e o Polo de Emprendemento Costa da Morte que compartirán un dos catorce postos.

Os outros stands serán para horticultores da Laracha e outros municipios próximos como Carballo, Arteixo, Coristanco e Cerceda. Un deles destinarase á plataforma de venda online Kibus precisamente co propósito de poñela en contacto cos produtores para crear sinerxías entre eles. E tamén haberá espazo para a xeadería Mmmm! Xeados, que sorprenderá con algunhas das súas elaboracións, e para Acastrexa, empresa centrada na elaboración de conservas.

O rexedor municipal comezou a súa intervención agradecendo a todos os colaboradores e participantes, “tanto aos que se incorporan neste ano e aos que levan participando desde a primeira edición”. López Varela destacou “o valor engadido” de celebrar este evento “aproveitando a feira de Paiosaco, xa que o seu motor é o produto local” e tamén o programa de eventos, que presenta novidades pero sempre coa mesma fin de “reforzar a produción de horta no Concello”.

Rocío López detallou as actividades que se van levar a cabo durante a xornada. Os postos estarán abertos ao público desde as 9:30 horas e ata que remate a feira. Entre as 11:30 e as 13:30 horas haberá un show cooking con degustación para os asistentes no que a chef Beatriz Sotelo realizará as súas elaboracións precisamente con produtos de horta doados polos propios profesionais asistentes. Ademais, haberá sorteos de agasallos entre as persoas que se acheguen durante a mañá.
Relación de postos na Feira de Horticultura
• Concello da Laracha.
• Asociación de Produtores Horta do Noroeste.
• Asociación A Terriña.
• Horta Baldaio – A Despensa que Pensa
• Entreverdes
• Verxel Galego
• Apropaco
• Hortalizas Añón Pardiñas
• Verduras Chelín
• Show cooking de Beatriz Sotelo
• Acastrexa
• GDR Costa da Morte – EFA Fonteboa – Polo de Emprendemento Costa da Morte
• Galia by Kibus
• Mmmmh Xeados!